É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másA Xunta investirá un 33% máis nas provincias de Lugo e Ourense e incluirá 391 millóns de euros en beneficios fiscais para familias
A Xunta de Galicia incrementará en 2017 o gasto de todas as consellerías e destinará ás provincias de Lugo e Ourense un maior gasto por habitante que en A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de seguir avanzando no reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas. Así o indicou este sábado o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na presentación no Parlamento dos Orzamentos da Xunta para 2017.
O gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense será de 3.522 e 3.355 euros, respectivamente. Mentres, o gasto per cápita da Administración autonómica na provincia de A Coruña será de 2.457 euros, e de 2.728 euros na de Pontevedra. Isto supón que o gasto por habitante nas provincias orientais é un 33% superior ao gasto nas provincias atlánticas.
En termos absolutos, o maior volume de gasto correspóndese coas provincias máis poboadas. Así, a Xunta destina á provincia de A Coruña 2.769 millóns de euros, e á de Pontevedra outros 2.584 millóns. O volume global é menor nas provincias orientais por ter menos habitantes, xa que Lugo recibirá 1.195 millóns e a de Ourense, outros 1.068 millóns.
Por outra banda, os orzamentos inclúen beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 391 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,4% con respecto ao exercicio deste ano. E, segundo Martínez, casi o 92% destas medidas son de carácter social.
Sanidade e Cultura e Educación, as consellerías con máis orzamento
Respecto do gasto por consellerías, os departamentos autonómicos que terán máis dotación en 2017 son Sanidade (3.614 millóns, 101 máis que este ano) e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2.314 millóns, 65 máis). A Consellería de Política Social contará con 645 -medra en 25 millóns-, e a de Medio Rural terá 520, cun incremento de 15 millóns respecto ao actual exercicio.
A continuación estará a consellería de Economía, Emprego e Industria, que medra en 31 millóns ata acadar os 434; Infraestruturas e Vivenda (351 millóns, 11 máis); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (262, cun aumento de 9 millóns) e a Presidencia da Xunta, con 175 millóns, 6 máis.
Finalmente, a Consellería do Mar aumenta a súa dotación orzamentaria en 13 millóns respecto do actual exercicio e acada os 142; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con 112 millóns -3 máis que en 2016- e a Consellería de Facenda, que medra en 2 millóns, ata os 53.