120 mozas e mozos están a participar este mes na fase de formación do programa “DepoEmprende”, que a Deputación de Pontevedra desenvolve en colaboración coas cámaras de comercio da provincia, a Fundación INCYDE e que está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
As clases impártense en Pontevedra -dúas edicións-, Tui, Vilagarcía e Vigo -dúas edicións- nas instalacións das cámaras de comercio destes concellos, e a primeira parte, que conclúe o 15 de decembro, consiste en formación grupal, cun total de 43 horas. Esta complétase cunha segunda parte na que cada participante recibe 7 horas de formación individual, e que remata o 30 de decembro.
Nesas sesións aprenderanse nocións básicas de emprendemento, abordarase a planificación e posta en marcha do proxecto emprendedor e analizaranse as obrigas fiscais, laborais e mercantís. Así mesmo, estudaranse a xestión económica e financeira, as posibilidades do marketing e o emprego de diferentes técnicas de venda. Unha vez rematada a formación, o alumnado interesado poderá solicitar tomar parte na fase de ‘mentorización’, para o que se seleccionarán os proxectos empresariais que amosen unha maior viabilidade.
O programa“DepoEmprende” está dotado con 260.000 € e ten como finalidade o impulso do emprendemento e a cultura emprendedora xuvenís na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.
DepoEmprende, sinala a Deputación, “pretende fomentar o espírito emprendedor, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas en proxectos concretos, así como a entradano mercado laboral de cada participante a través de itinerarios de emprendemento xuvenil adaptados ás súas necesidades”.
Os mozos e mozas que participan na iniciativa estarán apoiados en todo o momento polo organismo provincial dende o cal se os axudará a deseñar plans personalizados, nos que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais. A Deputación tamén se encargará de asesorar a cada participante nas etapas iniciais dos proxectos, de dirixilos e de supervisalos.