Un total de 165 persoas maiores de 28 concellos da provincia participarán esta semana no programa ‘Depotermal’ da Deputación de Pontevedra, que promove o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas de idade.
Este é o último grupo de maiores que se benefician deste programa, que acolleu en total a máis de 4.000 maiores da provincia a través de estancias en establecementos termais coa modalidade so diúrna ou con aloxamento completo.
Dende este domingo 11 ata o venres 16 de decembro, 165 persoas participarán na modalidade nocturna achegándose ao Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo (49 persoas), o Gran Hotel Talaso de Sanxenxo (35), as Termas de Cuntis (34) e o Talaso Hotel Louxo A Toxa (47). Estas persoas proveñen de Baiona, Bueu, Cangas, A Estrada, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Pazos, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa e Vila de Cruces.
En total, máis de 4.000 maiores da provincia gozaron do programa ‘Depotermal’ a través das súas dúas modalidades. Un total de 2.855 fixérono con aloxamento nocturno e 1.431 fixeron só uso da asistencia diúrna aos establecementos termais. Ademais, por primeira vez este ano, reserváronse un total de 443 prazas para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos.