Ciencia y Tecnología Galicia

Retirados preto de 8.500 niños de vespa velutina en Galicia este ano

Ao longo de 2016 retiráronse ou inactiváronse en Galicia un total de 8.496 niños de vespa velutina, dentro do plan de vixilancia e control deste insecto invasor. As diferentes administracións e unidades que participan neste plan atenderon no que vai de ano un total de 19.246 avisos.

Neste plan de vixilancia colaboran actualmente 97 concellos de toda Galicia (39 na Coruña, 17 en Lugo, 18 en Ourense e 23 en Pontevedra), os Grupos de Emerxencias Supramunicipais de 126 concellos e as consellerías de Medio Ambiente, que actúa en 21 concellos, e de Medio Rural, que actúa nos 70 municipios restantes.

En relación co 2015, o número de niños retirados ou inactivados creceu este ano un 68,4%, pasando do 5.045 do anterior exercicio aos case 8.500 de 2016. Por provincias, a incidencia da velutina segue a ser máis destacada no litoral atlántico. Así, na Coruña os niños retirados ou destruídos foron 11.253 e en Pontevedra 5.194, mentres que en Lugo a cifra foi de 2.336 e en Ourense de 463.

A vespa velutina foi detectada por primeira vez en Galicia no 2012. Desde febreiro de 2014 está en marcha o plan de vixilancia e control que coordina a Xunta de Galicia. Ao abeiro deste plan, lévanse a cabo as referidas accións contra os niños desta especie, así como actividades de formación do persoal, dotación de medios, información á cidadanía e investigación sobre o comportamento do insecto na nosa comunidade, entre outras.

 

También te puede interesar