Comarcas

As Neves incrementa o seu orzamento municipal para 2017 nun 2,08%

O goberno municipal de As Neves aprobou cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra do PP o seu orzamento para o vindeiro ano, que terá unha cuantía de 2,11 millóns de euros, un 2,08% máis que os aprobados para este 2016. Ademais, xa se contempla un investimento a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de alomenos 531.000 euros.

Con estes orzamentos a Corporación municipal pretende “consolidar e mellorar o nivel de emprego” cun plan de emprego anual no que se combinen as oportunidades laborais coa especialización para prestar mellores servizos.

Tamén se actualizaron moitas partidas de gasto corrente tras a revisión dos novos prezos dos servizos prestados e reducíronse as partidas nas que o gasto “era excesivo dende hai anos para dotar outras máis necesarias”.

Por outro lado, tras a recollida de datos coas asociacións da previsión de actividades para 2017, o Concello elaborou unha proposta de subvencións de ata 95.900 euros “que permitirá a dinamización das Neves, ademáis de polo Concello, tamén pola sociedade organizada”.

Os maiores investimentos en obras e outros servizos serán acordados nas vindeiras semanas a través de proxectos que serán financiados co Plan Concellos e con axudas doutras administracións.

 

También te puede interesar