Galicia

A @depo_es amplía ata 1,4 millóns de euros o servizo de axuda no fogar

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este mércores a asignación da ampliación da subvención do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) 2016, unha convocatoria por libre concorrencia na que puideron participar os concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta convocatoria extraordinaria é complementaria do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e supuxo a ampliación da subvención do servizo de axuda no fogar a un total de 30 concellos en case 160.000 euros.

A Deputación destinara, ata o momento, 1,2 millóns de euros para os 53 concellos de menos de 20.000 habitantes, para investir nesta actuación que realizan os servizos sociais comunitarios municipais e que lles dá servizo a preto de 1.000 usuarias e usuarios da provincia de Pontevedra.

Con esta ampliación, que incrementa ata case os 1,4 millóns de euros o orzamento destinado ó servizo de axuda no fogar, preténdese mellorar este servizo que lles presta atención ás persoas maiores con déficit de autonomía e ás persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato.

Tamén dá unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. De feito, o perfil maioritario das persoas usuarias do Servizo de Apoio no Fogar é o dunha muller de máis de 70 anos, con limitacións propias da idade e que require de apoio para realizar as súas actividades cotiás.

También te puede interesar