É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másGardacostas comisa preto de 4.200 quilos de xurelo no Berbés, en Vigo
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar incautaron preto de 4.200 quilos de xurelo no porto do Berbés na noite de onte no marco dun control de capturas.
Esta mercadoría, que tería un valor de preto de 3.000 euros no mercado foi entregada á Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo. Ademais, a mercadoría foi comisada a unha embarcación do cerco que ten a cota de xurelo esgotada e que ademais tiña o caderno diario de pesca sen cumprimentar.
Tamén no porto do Berbés, os axentes inspeccionaron un vehículo e incautaron 21 quilos de sargo e 8 quilos de robaliza que transportaba e que foron capturados a través de pesca deportiva. Os axentes incautaron esta mercadoría por exceso de cupo, xa que o máximo permitido para a pesca deportiva é de 5 quilos. O seu valor no mercado sería de máis de 200 euros.
Por outra banda, tamén este mércors, os axentes de Gardacostas en colaboración coa Garda Civil de Tráfico e co Seprona de Ourense requisaron 647,5 quilos de ourizo nun control de transporte e comercialización realizado na autovía A-52 á altura de Ribadavia (Ourense). A mercadoría que era transportada por dous tráilers, foi comisada por carecer de documentación e tería un valor aproximado de máis de 3.100 euros no mercado.
Nesta mesma zona, a semana pasada e noutro control de transporte e comercialización os axentes de gardacostas, Garda Civil de Tráfico e Seprona tamén comisaron 210 quilos de ourizo de mar por carecer de documentación para o transporte.