O concello de Covelo figura como entidade colaboradora na retirada de niños desta especie invasora no rexistro da Consellaría do Medio Rural, pero “paradoxalmente carece de medios para a súa retirada”. Esta situación deu como resultado que a día de hoxe, denuncia o BNG, sexan decenas os niños que non se retiraron.
A situación agravouse pois moitos veciños acudiron ás oficinas municipais para informar da presenza de niños e nas mesmas informábaselles “que non se preocupasen e que non chamasen ao teléfono galego de emerxencias que xestiona a Xunta de Galicia xa que o propio alcalde se ocupaba da retirada”.
Ao carecer de medios técnicos e debido á elevada altura onde se atopan os niños de avespas os niños quedaron nas árbores, incluso os que se deben retirar urxentemente como estabelece o protocolo, como o caso dun niño situado ao carón da escola infantil de Covelo e que permanece aínda hoxe alí.
O Bloque salienta que a avespa asiática amais de constituír unha ameaza ecolóxica directa para as abellas e outros polinizadores e insectos e as especies vexetais que dependen deles para se reproducir, tamén é prexudicial para a rica actividade apícola tradicional covelense -tal e como o amosa o patrimonio cereiro que o Monte veciñal de Paraños recuperou no museo Favum-, para o cultivo de froiteiras e videiras e ademais para a propia seguridade da veciñanza, “lembramos tamén que este verán faleceu un veciño en Covelo mentres rozaba nun eido nas inmediacións dun niño de avespas asiáticas”.
Dende o BNG do Covelo instan ao alcalde a que se dedique ás súas funcións tal e como o estabelece a súa dedicación exclusiva no Concello e que deixe aos profesionais a retirada dos niños, ben formando á veciñanza, delegando na Xunta ou contratando a algunha empresa que preste ese servizo e que non banalice os problemas de Covelo.
Tamén reclama unha coordinación entre todos os afectados: montes veciñais, abelleiros, agricultores, gandeiros, cazadores e o Concello e a merca de medios técnicos, como traxes de protección, pértigas, contemplado todo isto nun rigoroso plan de actuación para conseguir conter os efectos adversos desta especie bioinvasora.