Unha prata e un bronce. Ese é o balance de medallas das seleccións galegas presentes no Campionato de España de Seleccións Territoriais 2017, que se disputou estes días en Cataluña, e no que os nosos equipos amosaron unha magnífica imaxe.
A selección galega xuvenil masculina logrou a medalla de prata, tras perder na final contra Cataluña, mentres que a selección infantil feminina foi bronce, ao vencer hoxe a Madrid nun emocionante choque.
Ademais, hai que destacar a cuarta posición do combinado cadete feminino e o quinto lugar dos infantís masculinos. Galicia cadete masculino rematou na sexta posición, mentres que a selección xuvenil feminina foi bronce na Copa de España.
Na entrega de medallas, Galicia recolleu a bandeira como organizadora do próximo campionato de España.