O Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) ven de implantar unha ferramenta que permite reducir a cantidade de radiación que recibe o paciente cando se somete a un estudo de Tomografía Computerizada (TC) nun aparello de 64 cortes, sen que por iso diminúa a calidade do estudo nin o posterior diagnóstico a través desta proba.
Segundo subliña o Serizo Galego de Saúde (SERGAS), “os modernos equipos de Tomografía Computerizada (TC) son unha ferramenta das máis avanzadas para o diagnóstico de moitas enfermidades e polo tanto cada vez máis demandada polo resto dos servizos clínicos dos hospitais públicos vigueses. Con todo, as doses de radiación que reciben os pacientes en moitos destes estudos son significativas, podendo ser, ademais, xeradoras dunha porcentaxe mínima de efectos secundarios”.
O sistema ASIR (Adaptative Satasticial Image Reconstruction) que se implanta agora permite rebaixar ata un 40% a cantidade de radiación que recibe o paciente en términos medios, unha porcentaxe que difire segundo a complexidade dos casos, a área anatómica obxecto do estudo ou as características do paciente.
A ferramenta implantouse nos dous TC de 64 cortes que funcionan no CHUVI: un no Meixoeiro e outro no Álvaro Cunqueiro. No primeiro leva xa unha semana en funcionamento, e no novo hospital comenza esta mesma semana.
O xefe do Servizo de Radioloxía, o doutor Xan Vieito, considera que “pode falarse de que algo máis da metade dos pacientes que se someten á proba diagnóstica do TC poden beneficiarse desta rebaixa na cantidade de radiación”. Traducido a cifras, estímase que a ferramenta permitiría realizar este tipo de estudos radiolóxicos con doses reducidas a unhas 23.000 persoas cada ano.
“O proceso é beneficioso para todo tipo de pacientes, pero sobre todo para os máis novos porque teñen unha maior sensibilidade as radiacións e por outra parte por atoparse en idade reprodutiva”, explica o doutor Vieito, que puntualiza- “comezamos a aplicar esta ferramenta agora nestes dous equipos, aínda que os últimos que se adquiriron na EOXI de Vigo xa contan cun sistema propio de redución de radiación”-.
A cantidade de radiación que se recibe a través do TC é elevada porque se trata dunha proba diagnóstica moi precisa, sobre todo nos aparellos de alta resolución. Basicamente esta ferramenta que agora se implanta nos TC de 64 cortes permite que os técnicos traballen con imaxes cunha resolución máis axustada , sen que se resinta a calidade do estudo que se realice no servizo.
O TC é unha das probas diagnósticas máis precisas para unha gran parte de patoloxías. Os seus niveis de precisión na abordaxe das imaxes aumentou moi considerablemente nos últimos anos.