Segundo o Servizo Galego de Saúde, a Área Sanitaria de Vigo “acadou os mellores resultados de demora media dos últimos 5 anos, tanto da lista de espera cirúrxica como a de consultas externas”.
Dacordo cos datos do SERGAS, a 31 de decembro, o tempo medio de espera cirúrxica global para operarse na Área de Vigo era de 94,5 días, 4,7 menos que o pasado ano, mentres que a demora para as consultas externas é de 59, 2 días, 4,6 menos que no 2016.
O xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) asegura que “os resultados de actividade asistencial consolidan a evolución positiva dos diferentes indicadores, derivados da posta en marcha do Álvaro Cunqueiro e da reordenación asistencial máis importante de España, sustentada ,evidentemente, polo compromiso e implicación dos profesionais. Marcánnos a liña futura, un horizonte de crecemento e progreso na mellora asistencial ofertada á poboación desta área sanitaria”.
Segundo Félix Rubial, un dos indicadores máis relevantes á hora de avaliar estes datos é o da Prioridade I; isto é, os tempos de espera cirúrxica para aqueles pacientes con patoloxías máis graves, que supoñen compromiso vital ou afectación da calidade de vida futura. Neste senso, a demora media actual da Prioridade 1 é de 21,27 días, 5 menos que o pasado ano, e “mellorando así o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, establecido en 30 días”.
No referido a actividade cirúrxica, os profesionais do CHUVI, engade Sanidade, realizaron 35.181 intervencións cirúrxicas totais, 1.384 máis que o ano anterior –cando foron 33.797-delas, 28.952 foron programadas e 7.129 urxentes.
Do total das operacións programadas, o Meixoeiro realizou 20.310, o que supón que o 72,4% da actividade cirúrxica do CHUVI efectúase nese centro. “O Meixoeiro experimentou un incremento de actividade espectacular , contabilizando 8.124 intervencións máis -66%- que no exercicio anterior; polo que pode dicirse que é o motor cirúrxico na nova configuración do Chuvi”-explica Rubial.
Neste incremento da actividade cirúrxica cabe subliñar tamén o crecemento constante da cirurxía ambulatoria, contabilizándose 1.097 procedementos máis desta modalidade, ao pasar de 16.979 ás 18.076. Estes datos converten ao Meixoeiro no maior centro de cirurxía ambulatoria de Galicia. “Neste momento- explica o xerente- máis da metade da actividade cirúrxica, un 54.3 por cento, efectúase de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario, feito que reflicte que o recurso da cama hospitalaria ten cada vez menos impacto na planificación dos hospitais do futuro, orientados cara á ambulatorización dos procesos e a minimizar ás hospitalizacións, o que aporta grandes beneficios para os pacientes as súas familias”-.
No referido ás consultas, os especialistas do Hospital, indica o SERGAS, realizaron 735.202 consultas externas. Destas, 29.182 foron e-interconsultas, modalidade de asistencia non presencial que mellora de modo notable os tempos de resposta, permitindo un diagnóstico máis áxil sen necesidade de acudir ao Hospital.
Ademais, puxéronse en marcha tres novas Vías rápidas de atención, a de Cabeza e Colo (en Otorrinolaringoloxía), a de Próstata e a de Vexiga. Estas tres novas modalidades veñen a engadirse ás xa existentes de Colon, Mama, Melanoma e Pulmón.
No referido á Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Odontoloxía, Hixiene bucodental e Traballo Social- realizou 5.610.866 consultas, un 1,46% máis que hai un ano. Só os médicos de familia efectuaron case tres millóns de consultas -2.923.840-.
Outro dos datos que, segundo o SERGAS, “avalan ese incremento da resolutividade da Atención Primaria é o referido ás Urxencias extrahospitalarias, aquelas atendidas nos Puntos de Atención Continuada (PACs)”. Durante o 2016 contabilizáronse 264.726 atencións nos PACs da área, un 3,29% máis que no exercicio anterior. O 90,2% destas urxencias foron resoltas neste dispositivo asistencial.
Este incremento da actividade do PAC coincide paralelamente coa “diminución da actividade hospitalaria urxente ,que mantén un descenso continuado no último quinquenio. En total, 174.231 pacientes recibiron atención urxente no Álvaro Cunqueiro, das que o 15,22% requiriron ingreso hospitalario”.
En canto a hospitalización, o pasado ano contabilizáronse un total de 40.745 ingresos, cunha estadía media de 7,94 días, mantendo a dinámica descendente dos últimos anos, por embaixo dos 8 días. Ademais rexistráronse 3.814 nacementos.