A federación de Saúde da CIG vén de denunciar, de novo, o caos de trafico que se produce no Hospital Álvaro Cunqueiro en horas punta e esixe a dotación de máis zonas de aparcamento nos arredores do centro.
Dende a central sinalan que os problemas de circulación que padecen persoal e pacientes son “consecuencia da mala organización dos accesos e do afán de negocio do modelo de xestión escollido polo PP” e inciden na necesidade de poñer fin dunha vez á “caótica situación que se vive nos accesos ao Cunqueiro a causa da escaseza de aparcamentos”.
Vídeo-denuncia da situación de caos de tráfico no Hospital Álvaro Cunqueiro en horas punta. Exiximos solucións para aparcar! @cigsaudevigo pic.twitter.com/TwkWb1dHB2
— #19XCIG (@galizaCIG) January 23, 2017
A central insiste en que as prazas existentes na actualidade non son suficientes para facerlle fronte ao volume de tráfico xerado polos traballadores e usuarios nas horas punta.
“A falta de previsión na organización dos accesos e o afán de negocio do modelo escollido polo Partido Popular para facer este hospital público provocan que nas horas de entrada e saída dos profesionais se xeneren colas que chegan até a estrada Clara Campo Amor, dificultando o acceso tanto dos particulares como do transporte público e das ambulancias. Esta situación repítese a diario sen que nin a actual Xerencia ni a concesionaria sexan capaces de darlle solución, nin plantexando unha nova reordenación do tráfico nin ofrecendo alternativas de aparcamento”.