É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másServizo de Teleasistencia da @depo_es atendeu preto dde 5.000 alarmas de 444 veciños de 47 concellos da provincia
A presidenta da Deputación fixo balance este luns das actuacións desenvolvidas polo Servizo de Teleasistencia domiciliaria da institución provincial que atendeu, ó longo do ano pasado, preto de 5.000 alarmas correspondentes a 444 persoas de 47 concellos da provincia.
Este servizo da Deputación presta servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano a través dun terminal asociado a liña telefónica, que instalado no domicilio das persoas usuarias e con so premer un botón permite establecer unha comunicación directa a través do sistema “mans libres” desde calquera punto da casa.
A través do servizo de teleasistencia actívase o apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, presta seguimentos permanentes dende o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas, e xestiona axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións.
O servizo de teleasistencia da Deputación préstase en 47 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, cos 436 terminais instalados en fogares destes concellos. Segundo subliñou Carmela Silva no ano pasado rexistráronse 110 altas novas, trinta e oito máis que no 2015, o que supón unha media de 9,2 altas mensuais fronte ás 6 do ano anterior. Sanxenxo e O Porriño son os concellos con máis persoas usuarias. De feito, no 2016 ambos concellos sumaron 29 novas altas.
Ó longo do 2016 atendéronse un total de 4.912 alarmas-cun tempo medio de atención de 12,1 segundos e de resolución de incidencias foi de 1,8 minutos- desde os terminais. Por número de chamadas destacan os usuarios dos concellos de Tui con 420; Mos con 378; Portas con 307; Silleda con 220 e O Grove con 204 chamadas.
Por outra banda, Silva destacou que o ano pasado houbo 330 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica, e 5 xornadas de convivencia entre a totalidade dos usuarios celebradas nas localidades de Mos, Cuntis, Mondariz, O Grove e Tomiño. Nestas xornadas os usuarios do servizo en cada concello comparten unhas horas de lecer e poden intercambiar as súas experiencias.
Para este 2017 xa se están organizando novas xornadas de convivencia para os usuarios que vanse celebrar:o 6 de abril en Bueu -para os concellos de Bueu, Moraña e Vilaboa-, o 4 de maio en Mos -para os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas-, o 18 de maio en Cuntis -Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga-, e o 1 de xuño en Mondariz -A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Soutomaior-; o 15 de xuño en Agolada -Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces-, o 14 de setembro en Cambados -Cambados, O Grove, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa-, e o 5 de outubro en Tomiño -Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui-.