A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), presentou este martes no Concello de Vigo as correccións á modificación do plan parcial de San Paio de Navia que foron solicitadas pola Administración local a finais do mes de decembro pasado.
A modificación do plan parcial permitirá adaptar o mesmo á normativa actualmente vixente e incrementar as posibilidades de construción de vivendas protexidas en preto de 1.000, concretamente 984, ao pasar de 613 que se podían edificar co documento orixinal ás 1.597 que se poderán construír grazas a estes cambios. En total, a superficie construída destinada a vivenda protexida sitúase nos 189.000 metros cadrados, o que permitirá construír 165 vivendas unifamiliares e 1.430 distribuídas en bloques de edificación residencial.
Por outra parte, no próximo mes de febreiro, a Xunta comezará o proceso de sinatura de escrituras de compravenda e pago do solo ofrecido polos seus propietarios na oferta pública de adquisición realizada o ano pasado. Actualmente algúns propietarios están pendentes de achegar documentación ou realizar os últimos trámites previos á sinatura de escrituras.
O Goberno galego prevé adquirir desta maneira 62 fincas, cunha superficie total de 42.730 metros cadrados, por importe de 8 millóns de euros, que foi a contía destinada inicialmente á oferta pública de adquisición.
Esta primeira fase de adquisición de terreos será completada en 2017, unha vez que a dotación destinada a esta oferta pública de adquisición se incrementou en dous millóns de euros por Resolución do 22 de decembro publicada no Diario Oficial de Galicia do 9 de xaneiro. Desta maneira, a adquisición de terreos en mutuo acordo rematarase con arredor de 57.000 metros cadrados adquiridos e o investimento de 10 millóns de euros.
O plan parcial que se atopa en tramitación divide o ámbito da ampliación de San Paio de Navia en tres fases, co obxectivo de facilitar o seu desenvolvemento.
Prevese que o polígono 1 será o primeiro que se urbanice, xa que a súa execución implica garantir o enlace do sector de San Paio de Navia coa arteria urbana que constitúe a rúa Europa. Ademais, este polígono é un dos que concentra máior edificabilidade para vivenda protexida. O obxectivo é que estas obras estean rematadas a finais de 2018.
Posteriormente urbanizarase o polígono 2, cun claro predominio de uso residencial, e por último o polígono 3, de uso terciario.