Vigo al minuto

A humanización da rúa Álvaro Cunqueiro divulgará a figura do xenial escritor lucense

O goberno local ten iniciado a humanización da rúa Álvaro Cunqueiro, cun investimento de 921.000€, nunha primeira fase, que comprende toda a coroa circular interior e a conexión con Pintor Lugrís.

Segundo dixo o alcalde durante unha visita ás obras, Álvaro Cunqueiro é unha rúa “central” na cidade, “con moito tráfico rodado e un nivel de habilitabilidade moi importante”, que vai ser humanizada en dúas fases.

A primeira fase da reforma, detallou, presenta un prazo estimado de catro meses de obras e contempla actuar en máis de medio quilómetro de lonxitude, instalando 2.500 metros cadrados de beirarrúas de granito. Ademais, o Concello cambiará 400 metros de canalizacións soterradas de saneamento, pluviais e abastecemento de augas.

Caballero engadiu que a fase en marcha da humanización prevé habilitar catorce novas papeleiras, bancos e 28 puntos de luz, ademais de repoñer servizos de telecomunicacións e electricidade. O rexedor avanzou que “queremos que a zona teña moito verde”, polo que se disporán 52 árbores e 300 metros lineais de xardineiras.

O goberno local divulgará a figura do escritor lucense que da nome á rúa e tamén informará sobre a historia urbana do entorno. Para iso, o Concello apoiarase en paneis informativos emprazados no propio vial e nun espazo na web ao efecto.

You may also like