A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases da concesión de axudas ás entidades con carácter social e sen ánimo de lucro para a realización de actividades nas áreas dos servizos sociais, sociosanitarios e de xuventude na provincia de Pontevedra para o ano 2017.
Unha liña de axudas ás que a institución provincial achega un total de 864.000€, fronte aos 700.000 de 2016. Isto supón un incremento dun 23,4% fronte ao ano anterior neste programa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude.
Nas bases aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno da institución provincial regúlase a concesión das axudas económicas en réxime de concorrencia competitiva para aquelas entidades que teñan como obxectivo realizar proxectos ou actividades orientadas á intervención, asistencia, integración social e laboral e de prevención e promoción do benestar dos colectivos que, atendendo ás súas especiais circunstancias, precisan dunha maior especificación técnica e interdisciplinar na súa intervención.
Estas entidades terán un prazo dun mes, a partires do día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto da convocatoria, para poderen solicitalas, ata un máximo de 6.000€ por entidade.
Os proxectos, programas e actividades das asociacións e entidades sen ánimo de lucro deben estar dirixidas aos seguintes colectivos: á familia e á infancia, ás persoas maiores, ás persoas con diversidade funcional, aos e ás emigrantes, inmigrantes e minorías étnicas, ás persoas en risco de exclusión social, ás persoas que sofren de drogadiccións e outros trastornos aditivos, á xuventude, aos asuntos sociosanitarios e, ademais, a aqueles outros problemas que poidan ser obxecto de intervención social.