Galicia

429 persoas participarán no primeiro proceso selectivo da historia da @Xunta reservado á discapacidade intelectual

A Administración galega cubrirá 6 prazas de ordenanza a través do sistema de concurso-oposición, tal como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

As listas definitivas de persoas admitidas e excluídas neste proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta poden consultarse no portal funcionpublica.xunta.gal. A relación de persoas excluídas, coa indicación da causa de exclusión, pódese consultar tamén no DOG.

Para realizar este proceso, Facenda asinou un acordo con representantes de Down Galicia e da Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), para facilitar a entrada deste colectivo na Xunta.

Como peculiaridade, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes. Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións presentadas, danse a coñecer hoxe no DOG as listas de admitidos e excluídos.

Estas oposicións son as primeiras da historia da Xunta de Galicia que se reservan exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de facilitar a inserción laboral deste colectivo na Administración autonómica. A Oferta de Emprego Público para 2016 incrementou o número de prazas ofertadas, ata chegar a 33. Delas, 17 son para celadores do Sergas, 12 para funcionarios subalternos e 4 para o corpo auxiliar (grupo C2).

Para facilitar a adaptación ao seu novo entorno laboral, a Xunta realizará accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no ano de inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

Entre as actuacións máis relevantes están a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio de Fademga e Down Galicia. Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e ao entorno laboral. Ademais, farase un seguimento do desempeño da actividade laboral, con formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais.

Te podría interesar