A viguesa Andrea Rica (Tao) quedouse ás portas de loitar polas medallas no Campionato de Europa sénior de taekwondo ao perder no terceiro combate contra a ucraína Yuliua Podolian.
A taekwondista comezou firme a súa participación no Europeo fronte a representante de Gran Bretaña Carla Summerhill, á que gañou cun cómodo 6-3. Na seguinte rolda veuse as caras coa representante de Polonia, Aleksandra Uscinska, á que tamén superou con relativa facilidade (7-4). Pero para loitar polas medallas había que superar un último chanzo e era fronte a ucraína Yuliua Podolian. E foi un combate moi igualado que finalizou con empate (4-4) e tivo que decidirse no punto de ouro, que nesta ocasión favoreceu a Podolian.
Tampouco tivo sorte Rebeca Mariño (Natural Sport), xa que na primeira rolda tivo unha rival de grande entidade, Jade Jones, que ven de proclamarse subcampioa do Mundo júnior no mes de marzo e amosou un gran nivel fronte á nosa representante (3-9).
A competición de mañá
Será o turno das outras dúas representantes galegas no Europeo. Fani Hernández intentará repetir éxitos europeos pero non vai ser sinxelo. En primeira rolda verase as caras fronte a ucraína Dary Yakovleva e, se supera este combate, enfrontarase á polaca Katarzyna Wieczorek. O cadro do peso lixeiro conta con 24 competidoras. Fani Hernández (Natural Sport) tivo no 2009 un ano espectacular, con multitude de títulos e medallas (campioa galega, de España, campioa da Universiada en Belgrado e medalla de bronce no mundial), e quere seguir sumando éxitos no presente ano, no que xa se proclamou campioa de España.
E no Europeo debutará Lúa Piñeiro, que este ano proclamouse campioa de España sénior en Alacante, e intentará atar os nervios sobre todo nese primeiro combate fronte á sueca Lie Kylborn. O seu cadro de competición está formada por 18 taekwondistas e o obxectivo e facer o mellor papel posible.