A comisión de seguimento da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan), acordou a licitación da depuradora desta infraestrutura industrial. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García mantiveron unha xuntanza para analizar os avances no acordo para o impulso da Plataforma Loxística.
Por parte do Goberno de Galicia, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda informou de que está xa redactado o anteproxecto da estación depuradora de augas residuais de la primera fase, que dará servizo á Plataforma loxística, polo que xa é posible iniciar a contratación da redacción do proxecto e a obra dese equipamento, por importe de preto 4 millóns de euros. Así na comisión de seguimento decidiuse a próxima publicación no Diario Oficial de Galicia desa licitación.
Ademais, Ethel Vázquez explicou que as obras da primeira fase dos sistemas xerais da Plisan están executadas no seu 70 por cento. Estas actuacións inclúen as vías principais que vertebran os eixes norte-sur e este-oeste xunto con todas as infraestruturas que darán servizo ás parcelas e que se desenvolven baixo estas vías.
Ata o momento executáronse as capas inferiores de cimentación das vías e os servizos xerais previstos como saneamento, abastecemento ou telefonía. Tamén se executou un paso inferior baixo o cal discorrerá a vía que dará continuidade á zona de actividade loxística.
Doutra banda, na reunión, deuse conta de que, nos vindeiros días, se procederá ao pago de algo máis dun millón de euros aos propietarios das fincas afectadas polas expropiacións de solo para o seu desenvolvemento. Os propietarios citados para a sinatura das actas de pagamento complementarias deberán acudir os días 7, 8, 14 e 15 de marzo ao Concello de Salvaterra de Miño.
Estes pagos súmanse aos realizados nos anos 2015 e 2016, que afectaron a 764 fincas, cun importe total nos dous anos de preto de 915.000 euros que se suman ao 1.088.371,42 euros que se pagarán agora.
A comisión da Plisan confirmou que as condicións de oferta do solo empresarial da plataforma serán competitivas e atractivas. En concreto, os primeiros 100.000 m2 ofertaranse a un prezo de 50 euros o metro cadrado. O solo empresarial desta infraestrutura industrial ofertarase tamén en réxime de dereito de superficie coas mesmas condicións que as doutros parques industriais de Galicia.
A modalidade de dereito de superficie permite aos adxudicatarios acceder ao solo empresarial por un período de 30 anos prorrogable co pago dun pequeno canon mensual.