Ciencia y Tecnología

@Xunta activa o servizo de emisión on line de certificados de discapacidade e título de familia numerosa

O Goberno de Galicia ven de activar o servizo de emisión de certificados a través da súa sede electrónica, segundo se recolle nunha resolución conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A partir de mañá xa será posible obter o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade de xeito automatizado a través da sede, sen necesidade de desprazarse ata as unidades administrativas correspondentes.

Estes certificados pódense obter en formato electrónico desde calquera lugar e en calquera momento, no apartado “Obtención de certificados” da sede, https://sede.xunta.gal/obtencion-de-certificados, empregando calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 –https://sede.xunta.gal/chave365-.

Paulatinamente, iranse incorporando máis certificados co obxectivo de facilitar e axilizar as xestións administrativas e reducir tempos e custos. Na actualidade cidadanía e empresas poden obter diversos certificados da Administración en soporte papel, o que implica un dobre custo: o do desprazamento para o cidadán e o de elaboración e emisión do documento para a Administración.

A sede electrónica da Xunta entrou en funcionamento en 2010 e o pasado ano rexistrou máis de 89.000 xestións online. Actualmente ten dispoñibles 1.244 trámites así como a consulta de todos os procedementos administrativos e os requisitos de tramitación. O pasado ano habilitouse o acceso á sede co Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados electrónicos por un sistema de claves concertadas no móbil. dende a súa posta en marcha hai xa 13.700 usuarios do sistema rexistrados.

Te podría interesar