Galicia

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal participará nun proxecto de cooperación europeo destinado á mellora dos servizos públicos transfronteirizos

O programa terá unha duración de dous anos e medio e disporá dun orzamento total de 500.000€ e a Eurorrexión resultou beneficiaria do Programa de cooperación ESPON 2020 dentro dunha candidatura conxunta, liderada por unha rexión danesa. Na mesma, participan ademais outras 11 áreas transfronteirizas de Alemaña, Suecia, Eslovenia, Finlandia, Bélxica, Austria e Portugal.

Os obxectivos principais do proxecto Cross-Border Public Services (CPS) pasan por identificar e facer un mapa dos servizos públicos transfronteirizos existentes; realizar investigacións que permitan sentar as bases para mellorar os servizos que xa existen e aqueles que están en desenvolvemento; xerar consciencia sobre o valor engadido destes servizos; intercambiar experiencias e prácticas; e, por último, presentar e divulgar os resultados.

Este traballo servirá tamén para que as 11 fronteiras ou áreas transfronterizas que participan no proxecto poidan mellorar a prestación dos seus servizos públicos transfronteirizos e avanzar de cara a incorporar a perspectiva europea nas políticas ou programas relacionados co desenvolvemento territorial e a cohesión.

Ademais a Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) exercerá como helpdesk do proxecto e que estarán implicados como observadores o Comité das Rexións, a Misión Operativa Transfronteiriza (MOT), Francia, o Servizo central europeo para iniciativas transfronteirizas (CESCI), Hungría, e a Asociación internacional de institución de desenvolvemento rexional (IARDI). Todos eles encargaranse de promover este proxecto e divulgar o seu resultado final a través dos seus canais de comunicación, co obxectivo de que a súa difusión chegue a toda a Unión Europea.

You may also like