O Punto de Atención Continuada de Vigo cumpre este mércores, día 1 de marzo o seu primeiro ano de funcionamento -trala súa unificación no edificio anexo ao Hospital Xeral-. Neste tempo, sinala a Xerencia da Área Sanitaria, este dispositivo de atención ás Urxencias Extrahospitalarias atendeu a 58.359 pacientes. Destes, tan só un 9,4% foron derivados ao hospital; isto é: os profesionais do PAC resolveron o 90% das urxencias.
A media diaria de atención é de 159,8 pacientes. Os días con maior actividade son os domingos, cunha media de 352,9 atencións, e os festivos, con 395,26 .
No último estudo realizado polos responsábeis da Área Sanitaria de Vigo, no que se compara o comportamento das Urxencias hospitalarias coas do PAC vigués, ponse de manifesto como, mentres que os días laborais, os vigueses que necesitan atención urxente achéganse máis ao hospital, os domingos e festivos se inverte esta tendencia e os cidadáns de Vigo acoden en maior medida ao PAC.
Neste senso, a subdirectora de Procesos sen Ingreso e Urxencias, Elena Lorenzo asegura que “os datos pon de manifesto o peso cada vez maior deste servizo sanitario, valorado polos usuarios con altos índices de satisfacción. O seu novo emprazamento e accesiblidade, as súas renovadas instalacións e o incremento da súa capacidade resolutiva, fanno cada vez máis atractivo para os vigueses”-.
Por grupos de idades, o 68,3% destas urxencias corresponden a pacientes con idades comprendidas entre 15 e 64 anos; o 26,5% aos maiores de 64 anos; e o 5,2% restante os menores de 14 anos. Do total de atencións, o 8,1% realizáronse no propio domicilio do paciente, triplicando as atencións domiciliarias dos outros PACs da área .
“Neste balance asistencial é necesario subliñar dous datos moi significativos, o gran número de atencións domiciliarias realizadas polos profesionais en comparación con outros dispositivos da área, e o incremento das Urxencias pediátricas, duplicando as rexistradas o pasado ano.”-afirma Elena Lorenzo.
O equipo do PAC está formado por 70 profesionais: 28 facultativos,14 vinculados e 14 voluntarios; 22 profesionais de enfermería, 14 vinculados e 8 voluntarios e 20 efectivos de persoal non sanitario -persoal de servizos xerais, celadores, condutores e telefonistas-.
Outro dos datos de actividade máis salientable é a realización de 1.330 estudos radiolóxicos. Hai que lembrar que neste PAC, ademais dos procedementos diagnósticos propios das Urxencias de atención primaria como electrocardiografía, esfignomanometría, otoscopia e oftalmoscopia, veu incrementada a a súa carteira de servizos coa incorporación de novas prestacións radiolóxicas. Así, realízanse no PAC todas as probas de radioloxía simple, placas de abdome, tórax e exploracións osteoarticulares.
Afirma Elena Lorenzo que “trátase dun dispositivo con gran capacidade de resolución xa que dispón dos medios e recursos axeitados, tanto estruturais, humanos e de equipamento, para realizar todos aqueles procedementos diagnósticos e terapéuticos no ámbito da atención primaria para que, sempre e cando sexa posible, o paciente saia do centro co seu problema resolto, e que solo se deriven ao hospital os casos que realmente necesiten atención hospitalaria”-.
“O PAC de Vigo dispón dunha estrutura e un dimensionamento que o converten no maior de Galicia”. As súas instalacións dispoñen dun Box de Reanimación para pacientes inestables con dotación específica, e unha Sala de Tratamentos respiratorios con cinco postos. Ademais, contan con 1 consulta de Tríaxe, 3 consultas de enfermería (unha delas pódese utilizar como box de illamento), 6 Boxes de consulta médica, un Gabinete, 2 salas de Observación con 6 postos, 1 sala de traballo médico e 1 control e traballo de enfermaría. Dispón tamén de áreas administrativas e de descanso, e salas de espera e aseos diferenciados. A dotación complétase con almacéns de material sanitario, lenzaría e farmacia.
En xeral, ademais do PAC da cidade de Vigo, a EOXI conta cun total de 10 Puntos de Atención Continuada noutros concellos da área sanitaria. Mentres que o pasado ano nestes dez dispositivos atendéronse a 253.065 pacientes, o servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro rexistrou 174.231; polo que nestes momentos os PACs atenden xa o 60% do total das Urxencias da área.
O Punto de Atención Continuada ( PAC) é o dispositivo físico e funcional no que se presta a atención urxente, tanto médica como de enfermaría, no ámbito da atención primaria. O seu horario de funcionamento é de 15.00 horas ás 8.00 do día seguinte de luns a sábado, mentres que domingos e festivos, presta asistencia durante as 24 horas do día.