A Deputación de Pontevedra e Abanca renovaron este martes o Plan Activamos cunha nova liña de crédito de 50 millóns de euros para familias, pemes, micropemes, persoas autónomas e corporacións locais da provincia. Este importe supón un incremento do 6% con respecto ao volume financiado no marco do último convenio.
Este programa financeiro xa permitiu, nos seus dous anos e medio de vixencia, impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia con 116,8 millóns de euros mediante un total de 5.179 cretos ‘brandos’, destinados, principalmente, a proxectos de emprendemento, novos investimentos e circulante empresarial.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, foron os encargados de asinar o novo protocolo de colaboración que dá continuidade a un plan iniciado en xullo de 2014.
Silva agradeceu a Abanca o esforzo financeiro “que o pasado ano supuxo que 45 dos 47 millóns de euros financiados chegasen a pemes e persoas autónomas. Foi fundamental para que estas empresas puidesen manter a súa actividade económica e, por conseguinte, o emprego”. A presidenta da Deputación tamén puxo en valor as novidades deste ano, os créditos para a rehabilitación de vivendas do rural e as axudas ás persoas con diversidade funcional para a compra de material ortopédico. “O compromiso e a sensibilidade social demóstrase con feitos”, dixo Silva, “e este novo convenio é boa proba diso”.
crédito amparado polo Plan Activamos conta cunhas condicións financeiras moi vantaxosas: tipos de xuro por debaixo do mercado, cero comisións de estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización e posibilidade de carencia naquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
Os principais beneficiarios do crédito do Plan Activamos son pemes, micropemes e persoas autónomas. O programa oferta crédito para a posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos negocios e tamén cobre necesidades de circulante.
O 95% do financiamento concedido no marco do Plan Activamos dirixiuse a apoiar o tecido produtivo. Os créditos a pemes, micropemes e persoas autónomas destináronse maioritariamente a financiar novos investimentos empresariais.
Para as familias, Abanca oferta a través deste programa financeiro préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética e adquisición de vehículos eficientes. Como novidade, o plan incorpora este ano unha liña de crédito para a rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións da provincia de menos de 20.000 habitantes.
Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e para atender necesidades de tesourería.