_agenda Agenda

Crise, concursos e cachifallos, as tres ‘ces’ da xornada

Fulano, Mengano e Citano en 'Viva a crise'.
Fulano, Mengano e Citano en 'Viva a crise'.

Catro ofertas teatrais saen ao escenario esta tarde con ‘Vigo a escena’, dúas para os máis pequechos e outras dúas para público adulto. Ás 19 h, Páprika Teatro leva á asociación veciñal Emilio Crespo de San Paio de Navia a obra ‘Un día moi especial’, o que o dúo ‘Os Pablos’ terá que facer o seu show musical fronte a un xurado que os podería elexir para participar nun gran festival.  O público fai palmas, canta e todo vai ben ata que, de súpeto, aparece un gato que di saber cómo axudalos a saír do que parece un inevitable fracaso.

‘O tenderete da Cachifallado’ chegará unha hora despois (20 h) á SCD Atlántida de Matamá. En mans de A Loca-Motora, Carlota e Marieta revolven no faiado da súa casa na busca de cachifallos que elas convertirán en novos obxectos transformados con moita imaxinación e creatividade. Roupa, latas, regadeiras e outros trastes que se converten en seres fantásticos con historia propia e que mesturan o mundo real co imaxinario. E as irmáns montarán un tenderete coa idea de realizar trocos.

Fóra xa do público familiar, Pinga Teatro intentará deslumbrarnos con ‘Ego’ na asociación veciñal Val do Fragoso (19:30 h). A historia dun pintor pechado no seu estudio que fai balance da súa vida cunha cámara de video para gravar a verdade da súa vida, sacando o seu eu máis egoista, ás veces perverso, ás veces infantil e manipulador ou contraditorio.

E por último, Fulano, Mengano e Citano traerán ao CCAR de Valadares a súa obra ‘Viva a crise’ (20 h), 90 minutos de bo humor de balde. Hai realmente crise ou é que estamos de resaca? Mentras outros o pensan e buscan solucións, a compañía aplica as únicas menciñas coñecidas que existen contra este mal: pastillas de enxeño, xarope de humor e inxeccións de retranca. Unha serie de historias entrelazadas tratadas con humor ácedo e actual que se desenvolven ao redor da fórmula ideal para aliviar o mal tempo que se aveciña.

También te puede interesar