Diante da posibilidade real de que o proxecto do “Campus do Mar”, non se execute nos terreos da ETEA, a Asociación Veciñal de Teis, sinala que, desde o comezo, apoiara a realización deste proxecto, promovido pola Universidade de Vigo, porque permitirá: a presenza da universidade na ETEA, recuperar edificios agora abandonados, darlle utilidade a estes terreos e compatíbel con outros usos.
Para a Asociación Veciñal de Teis, o desenvolvemento do ” Campus do mar ” é “unha prioridade” e non se pode permitir máis atrasos e, porén, é necesario o acordo e o entendemento entre as tres administracións -Concello, Xunta e Consorcio de Zona Franca- implicadas no desenvolvemento da ETEA.
A ” Cidade do Mar “, esta proxectada desde fai sete anos e impulsada pola Universidade de Vigo, que estivo realizando un gran traballo para por de acordo as diferentes administracións.
O pasado 3 de maio de 2016, Abel Caballero, Alcalde de Vigo e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, mantiveron unha xuntanza. Abel Caballero, afirmou que a xuntanza ” serviu para darlle luz verde á nova dimensión e ao estabelecemento da universidade na ETEA “, comprometéndose a que o Concello levará esta proposta ao seguinte pleno do Consorcio da Zona Franca, algo que non aconteceu logo de dez meses.
A xuizo da asociación vecinal, “Abel Caballero, mantén unha actitude irresponsábel, pondo en perigo este proxecto”, os veciños creen que “o alcalde deberá preocuparse das súas responsabilidades e compromisos na ETEA, como o mantemento do paseo marítimo ou a apertura da piscina. No caso da piscina logo de investir diñeiro público, de anunciar a súa posta en funcionamento en varias ocasións agora quer cubrila”.
A Asociación leva anos denunciando o abandono dos terreos da ETEA, por parte de ambas administracións, Concello e Xunta ,e reivindicando unha maior implicación nos mesmos.
Agora, remata, hai un proxecto e fondos para investir na ETEA, “atopámonos coa paralización do mesmo. Chega xa de utilizar a ETEA, para o enfrontamento entre as administracións. Non podemos perder o proxecto do “Campus do Mar” na ETEA.