O estadio de Balaídos contará con dous ascensores na grada de Tribuna, cumprindo coa normativa de accesibilidade universal para permitir que todas as persoas poidan utilizar ese espazo. Así o comprobaron este venres o alcalde, a presidenta da Depotación, o presidente de COGAMI, e o concelleiro de Fomento, David Regades.
O ascensor, de acceso a Tribuna Baixa e Tribuna alta, conta con tres paradas en 13 metros de percorrido. Ten capacidade para 8 persoas (630 quilos) e cabina de aceiro inoxidable. Respecto do segundo elevador, o que dá acceso ao Palco de autoridades, conta con 4 paradas en 13 metros de percorrido e reúne as mesmas características técnicas. Ningún destes dispositivos ten cuarto de máquinas e empregan a tecnoloxía ‘gearless’ que ofrece un mellor rendemento co uso de imáns permanentes sen engrenaxes e control de manobra dixital.
Segundo explicou Abel Caballero, esta tecnoloxía permite un consumo ata un 55% menor que un ascensor eléctrico convencional e un 70% menor que un hidráulico. Ademais, son equipos con rexeneración de enerxía que aproveita a viaxe cargado en baixada ou vacío en subida para rexenerar enerxía. A máquina non consume aceite durante toda a súa vida útil polo que reduce os residuos contaminantes nun 51% respecto dun eléctrico convencional e máis dun 95% respecto dun hidráulico.
Estas novas dotacións forman parte da reforma integral do estadio que está a acometer o Concello, con apoio da Deputación. Concretamente, a bancada de Tribuna supuxo un desembolso de 5,2 millóns, mentres que as obras de Río -xa adxudicadas- ascenderán á 5,5 millóns. Esta reforma permitirá unha mellor visibilidade ás persoas con mobilidade reducida que teñen os seus abonos en Río baixo.