O cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu convocar unha manifestación en Vigo coincidindo coa segunda xornada de folga deste martes 21 para reclamar uns convenios colectivos dignos. Ao mesmo tempo, as centrais CIG, CUT, UGT e USO revelaron que barallan denunciar na Fiscalía a “actitude chulesca” da Policía española durante o primeiro día de paro.
O anuncio da mobilización foi feito este xoves en rolda de prensa por representantes das catro centrais que ostentan a maioría sindical na empresa de alimentación. Na comparecencia explicaron que a manifestación arrincará de Vía Norte ás 10 da mañá e rematará na zona dos bancos no cruce de Colón, xa que as entidades crediticias “tamén son responsábeis da situación de conflitividade laboral que se vive na compañía”.
A marcha coincidirá coa segunda xornada de folga en Nueva Pescanova, despois do “éxito” que tivo a celebrada este pasado martes. A convocatoria foi secundada pola totalidade do cadro de persoal de elaboración e frigoríficos dos centros de traballo de Chapela e do Porriño, paralizando por completo a actividade na empresa.