Comarcas

Salceda leva a Pleno o pago definitivo aos expropiados polo Raíña Aragonta

O  Goberno local de Salceda de Caselas leva a o Pleno Extraordinario da Corporación, deste venres, a proposta de modificación orzamentaria para autorizar unha operación de crédito a longo prazo destinada ao pago dos terreos expropiados polo anterior Goberno do PP para a construcción do Parque Raíña Aragonta: daquela, sete propietarios non aceptaron os 24,04 €/m2 que lles ofreceu o Concello e recurriron ao xustiprezo, que lles recoñeceu 201,06 €/m2, ratificado despois polo TSX de Galicia no ano 2013.

Dende aquela, o novo Goberno do Concello leva afrontado xa o pago de 327.101,99 €, aos que hai que sumarlles outro de 127.101,99 € que se fará nos vindeiros días. As últimas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigan ao Concello a facer pagos en curtos períodos de tempo, o que pon en perigo a estabilidade orzamentaria municipal, podendo causarlle serias dificultades á hora de manter servizos básicos para a cidadanía.

O Goberno local plantexa como a única opción a solicitude dun préstamo de 789.723,63 €, que permita que dunha vez por todas os propietarios poidan cobrar o que se lles adebeda, unha vez que os datos económicos do Concello permiten por vez primeira realizar esta operación.

Ademais, o creto suporía un importante aforro para as arcas municipais e, por conseguinte para a veciñanza, no referente aos xuros que está a supoñer a demora no pagos.  Así se lles trasladou nunha xuntanza aos propietarios, na que se lles informou dos pasos a dar para zanxar canto antes a situación.

A aprobación deste único punto da orde do día precisa contar con maioría simple, polo que os votos a favor do Goberno Municipal son suficientes para a aprobación e a solución definitiva.

O concelleiro de Facenda, Jose Luis González, asegura que “estamos en condicións de solicitar a operación, xa que o nivel de débeda financeira do Concello se atopa nun 20,85% dos ingresos anuais, moi inferior ao 75% establecido por lei. Ademáis, vai supoñer un aforro importante en xuros de demora, polo que confiamos que o Pleno da Corporación non vai ter dúbidas á hora de permitir a súa aprobación”.

Pola sua banda o alcalde, Marcos Besada, subliña que “este Goberno cumpre os seus compromisos, e así o imos a facer tamén cos expropiados do Raíña Aragonta. O venres decídese se dunha vez por todas poderán cobrar o que se lles debe, e dende o primeiro momento teñen o noso compromiso de voto favorable para que así sexa”.

You may also like