Un cento de cardiólogos de toda España participan dende este xoves no Hospital Álvaro Cunqueiro na VI Reunión Anual da Sociedade Española de Cardioloxía, que este ano está centrada nas controversias en Infarto Agudo de Miocardio (IAM) e as redes asistenciais. O Servizo de Cardioloxía do Chuvi, que dirixe o doutor Andrés Íñiguez, encárgase da organización do evento.
Unha das principais novidades da reunión anual é dar a coñecer os resultados do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio (Regaliam), que puxo en marcha o Servizo Galego de Saúde (Sergas), en maio de 2015, co obxectivo de que todos os casos tratados nos hospitais galegos quedasen incluídos nun rexistro único.
O Regaliam inclúe a todos os pacientes da comunidade cun IAM de ata 24 horas de evolución, incluíndo as paradas cardíacas secundarias a ese infarto, os pacientes en shock cardioxénico, tanto os pacientes tratados (reperfundidos) como non tratados (non reperfundidos), por exemplo por comorbilidades graves. Isto fai que sexa un rexistro exhaustivo e que reflicte a realidade do infarto de miocardio en Galicia.
Desde a posta en marcha do rexistro en Galicia atendéronse 1.511 casos de IAM, dos cales o 78% eran homes. Tense reperfundido (aberto a arteria) ao 96% da poboación e destes un 94% mediante anxioplastia primaria (cateterismo).
De todos os pacientes con IAM en Galicia, no CHUVI atendeuse a 482 casos (34% do total), dos cales se realizou anxioplastia exitosa ao 99%; cun tempo medio desde que o paciente accede ao sistema (primeiro contacto médico) á apertura da arteria (reperfusión) de 107 minutos; reducíndose este tempo a 94 minutos cando o paciente chama directamente ao 061 ao comezar cos síntomas.
“Por iso é fundamental concienciar á poboación de que cando teña síntomas compatibles co infarto -dor de peito, opresión sobre todo con sudación ou irradiación a brazos ou monecas-, chame ao 061, para solicitar asistencia, en lugar de acudir por exemplo ao seu centro de saúde ou hospital de referencia, xa que se produce un maior atraso na asistencia comparado con chamar ao 061. Ademais, é importante non esperar e contactar canto antes. O tempo medio dos pacientes do CHUVI desde que comezan os síntomas ata que se consultan é de 60 minutos”, argumenta o doutor Iñíguez.
A mortalidade hospitalaria, a 30 días, dos pacientes tratados en Vigo, foi do 7% (mortalidade global) e de menos do 2% dos casos cando se exclúen os pacientes que xa chegan en shock ou con parada cardíaca. “Estes datos de tempos e de mortalidade son mellores que os recomendados polos estándares de calidade das sociedades científicas de Cardioloxía”, explica o xefe do Servizo de Cardioloxía do Chuvi e presidente da Sociedade Española de Cardioloxía.