Vigo al minuto

Os sindicatos de Pescanova desconvocan a folga indefinida mentres se sigue negociando

A Inspección de Traballo, que este venres pola tarde iniciou a mediación no conflito laboral de Pescanova a instancias da Xunta, fixou tres xuntanzas entre a CIG, CUT, UGT e USO e a dirección -CCOO participa nunha mesa de negociación distinta tras o veto dos outros sindicatos polo seu “comportamento desleal”- para abordar o que até o de agora impediu un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa.

As catro centrais maioritarias en Pescanova comprometéronse a desconvocar a folga indefinida prevista para o 4 de abril despois de que a mediación laboral, que convocou as partes a primeira hora desta mañá tras a intervención da Consellaría de Traballo, fixase tres xuntanzas para os vindeiros días 29, 30 e 31.

Nelas abordaranse as tres cuestións que até o de agora impediron un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa.

A medida foi adoptada na reunión celebrada onte no hotel Ciudad de Vigo, unha vez conformadas as mesas de negociación pola mañá. A CIG, CUT, UGT e USO vetaron a presenza de CCOO na mesa despois de que este sindicato rompese a unidade sindical “coa súa actitude desleal co resto de organizacións”. Tras máis de tres horas de negociacións, a autoridade laboral accedeu a conformar dúas mesas: nunha estará representada a maioría sindical e noutra CCOO.

Esta mesma composición repetirase nas próximas xuntanzas, nas que tamén participará a autoridade laboral. As centrais maioritarias xa adiantaron que proporán a convocatoria dunha nova folga indefinida no caso de que as negociacións rematen sen acordo.

You may also like