O Auditorio Mar de Vigo acollerá este xoves 30 de marzo, ás 20 horas, a Gran Gala de Turismo Rías Baixas 2017 coa que a Deputación de Pontevedra pon en marcha a Campaña de Promoción Turística da provincia baixo o lema “Moito por descubrir”
Os Festivais Rías Baixas, os Camiños Xacobeos, o Enoturismo e a Excelencia Turística son os catro grandes eixos cos que o goberno de Carmela Silva quere dar “un paso máis na innovación e a vangarda na promoción da provincia”, catro activos culturais que se presentarán nos próximos dous meses nas cidades de Madrid, Lisboa e Porto.
Música, danza, teatro e cultura urbana serán protagonistas da Gala Turismo Rías Baixas 2017, que será conducida pola actriz Nieves Rodríguez e contará coa presenza de alcaldes, alcaldesas, representantes de todos os concellos e do sector turístico da provincia. De feito, as 203 empresas que obtiveron o distintivo SICTED recibirán a súa acreditación de Calidade Turística no transcurso do evento.