O 061 asistiu durante a fin de semana a 75 persoas debido a 53 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do venres ata as 12 menos un minuto da noite deste pasado domingo. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 25, e Pontevedra a provincia con máis sinistros, 24.
A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 65 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 53 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 75 persoas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 75. Así, a ambulancia medicalizada acudiu en seis sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu nun accidente, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 62 ocasións e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais nun sinistro.
En 71 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en tres ocasións atendeuse no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no punto.