A Xunta recibiu un total de 38 ofertas para a execución das obras de reparación de infraestruturas en San Paio de Navia, que licitou a Consellería de Infraestruturas e Vivenda no pasado mes de febreiro. Estas actuacións consistirán na mellora de catro rúas deste barrio vigués, que foron licitadas polo Executivo autonómico por importe superior aos 765.000 euros.
As obras levaranse a cabo nas rúas Poza Cabalo, Limpiño, Lamelas e Pedra Seixa, do barrio de San Paio de Navia e consistirán na reparación das redes de fecais, pluviais, galería de servizos, reposición de pavimentación, iluminación pública, xestión de residuos e seguridade e saúde, que quedaron danados como consecuencia dos traballos feitos no contorno, como a zona verde, pavillón ou campo de fútbol, entre outras dotacións.
A lonxitude dos viarios afectados polas reparacións chega aos 1.280 metros. Unha vez realizadas as reparacións, os viais serán cedidos gratuitamente ao Concello de Vigo.
Por outra parte, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está procedendo a sinatura de escrituras e pago dos terreos adquiridos para a ampliación de San Paio de Navia, por un importe total de 10 millóns de euros. A ampliación da urbanización permitirá a construción de 1.600 novas vivendas protexidas.