Tralas numerosas as denuncias dos profesionais do Centro de Saúde da Laracha, en relación á situación que viven na atención as persoas que se atopan no Fogar Residencial “Avós Felices”, de carácter privado e con ánimo de lucro, a vicepresidenta da Mesa do Parlamento preguntoulle ao xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) como é posible que a Administración permita este tipo de residencias “con persoal sen formación sanitaria, co conseguinte abuso do sistema público de saúde”.
Segundo sinala Eva Solla, “esta asistencia sanitaria é esixida sempre a nivel domiciliario independentemente da situación do usuario do centro e entre e as demandas sanitarias das que se ten que ocupar o persoal, atópanse tarefas como a realización do control de INR, extracción de sangue para análise e recolleita de mostras de ouriños, realización de cambios de sondaxe vesical permanente, realización de curas de úlceras e feridas, colocación de vías intravenosas e administración de medicación endovenosa, campañas de vacinación antigripal…”, malia que segundo consta no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, “o Fogar Residencial conta cunha ATS/DUE contratada por 30 horas ao mes. Sen embargo, non se está asumindo ningunha das tarefas de enfermería mencionadas xa que, segundo manifestou o director deste fogar residencial, a lei non lle impón a obriga de facelo.”
“¿Foi comprobada pola Consellería ou o Servizo de Inspección a veracidade da información publicitaria da web deste Fogar Residencial?”, preguntou Eva Solla, para quen “a maiores estase a producir unha situación que constitúe unha mala praxe asistencial, que vai dende a falta de prevención e coidados de úlceras por presión, a prevención de caídas e o manexo de pacientes portadores de enfermidades contaxiosas.”
Lamentablemente, a lexislación galega nesta materia, ampara a proliferación no territorio destas condutas abusivas, non sendo a situación dos profesionais do Centro de Saúde de Laracha un caso illado.