O Concello de Nigrán reforzará a protección naqueles domicilios onde non é posible facer fronte ao pagamento das facturas de luz e gas grazas á súa adhesión ao convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e empresas enerxéticas.
Con este obxectivo, acadado por acordo plenario coa única abstención do PP, en situacións de emerxencia social as empresas subministradoras comprométense a manter o servizo durante 2 meses, tempo no que o Concello tramitará as axudas pertinentes, propias e alleas, para abonar os recibos adebedados. “Era preciso que fose aprobado por acordo plenario e agracedemos que UCN presentase a moción ao respecto”, sinala o alcalde, Juan González.
Grazas a este acordo, calquera veciño advertido dun corte de luz ou gas pode poñerse en contacto cos Servizos Sociais do concello, onde o informarán da existencia e funcionamento deste convenio.
Así, unha vez que os técnicos municipais constaten que se trata dun caso de urxencia social e llo notifiquen á firma enerxética, esta comprométese a manter a subministración durante un prazo de 2 meses. Deste xeito, o corte non chega a producirse e os concello emprega ese tempo para tramitar as axudas de emerxencia, afrontando as facturas cos mecanismos existentes.
O Concello pretende coa adhesión a este convenio reforzar a atención ás familias en situación de vulnerabilidade e unificar e simplificar os procedementos entre os servizos sociais municipais e as empresas enerxéticas, para dar solución a situacións de urxencia social. A maiores, abre a posibilidade a prolongar no tempo o pagamento dos recibos.
“Ata agora o prazo para evitar o corte era moi escaso fronte ao tempo que leva tramitar unha axuda de emerxencia social, por iso con este convenio chegaremos sempre a tempo para que non se produza a suspensión do subministro”, resume o alcalde.