A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anunciou este luns que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia convértense no primeiro destino galego e nas primeiras illas en recibir o selo Observer, que as acredita como o primeiro destino de turismo científico de Galicia.
Este selo convértese no cuarto certificado, xa que se suma ao certificado Starlight, a certificación Quality Coast e a adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible (CETS, da Fundación Europarc).
Tal e como explicou Betariz Mato, as Reservas Científicas Observer son espazos naturais protexidos, de excepcionais características e valores, cuxa riqueza natural e singularidades convértenas en espazos únicos nos que xa se veñen desenvolvendo actividades científicas, non só de carácter turístico senón tamén de investigación.
A conselleira subliñou que o turismo científico é un sector en pleno desenvolvemento, polo que o Goberno galego quere potenciar esta modalidade turística orientada ao fomento dunha cultura científica que permite explicar os valores dun territorio da man do coñecemento científico xerado neles.
O seu desenvolvemento busca renovar as motivacións turísticas e achegar ao visitante a diferentes disciplinas científicas (ecoloxía, astronomía, paleontoloxía, xeoloxía) e dar a coñecer a intensa labor de investigación que os científicos realizan para conservar e poñer en valor o patrimonio natural.
Mato indicou que, no caso das illas do Parque Nacional, estas reúnen as condicións que se lles esixe ás reservas científicas, como a regulación e xestión do turismo científico, zonas que faciliten a investigación científica, o impulso da ciencia entre a cidadanía e ter oferta científica. O Parque das Illas Atlánticas leva traballando a prol desta modalidade desde hai moito anos, a través das máis de 60.000 visitas guiadas desde 2005 ou os 12 cursos para guías e formadores turísticos, as xornadas científicas para divulgar entre o público xeral os múltiples traballos científicos, así como os programas divulgativos para achegar a ciencia aos centros de ensino.
A conselleira avanzou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural traballará para que ao longo de 2018 se poida conseguir este selo para os seis parques naturais galegos. Salientou que a concesión do certificado constitúe un compromiso da Xunta polo establecemento dun modelo de turismo científico regulado e polo desenvolvemento de novos produtos turísticos vinculados á divulgación da ciencia.