Os responsábeis da Área Sanitaria de Vigo deron a benvida aos 75 residentes que este ano inician o seu período de formación especializada. Trátase do segundo grupo de residentes que se incorporan a esta área, trala apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro .
O xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CUVI), o doutor Félix Rubial, agradeceulles que optasen por centros da sanidade publica viguesa “ xa que o feito de ternos elixido como o centro no que formarvos como especialistas é produto dunha decisión libre e voluntaria. No momento actual temos a 260 residentes en formación, cifra que indica a gran capacidade docente da nosa organización, ao tempo que tamén nos marcan un moi alto nivel de esixencia como Institución”.
Rubial quixo aproveitar a oportunidade “de dirixirme a vós nun día tan sinalado como é o da vosa incorporación” para recordarlles a súa razón de ser como profesionais ao servizo da sociedade: “curar e coidar ás persoas.”
38 especialidades diferentes
Destes novos residentes, 57 son mulleres e 18 homes, e proveñen de diferentes nacionalidades, entre elas hai un armenio, un boliviano e un venezolano.
Os residentes se formarán en 38 especialidades diferentes. Ademais dos 55 médicos (MIR), hai 16 enfermeiras (EIR), un residente en farmacia hospitalaria (FIR); un residente en Psicoloxía (PIR); e un residente en Radiofísica Hospitalaria.
Entre as Enfermeiras, catro se especializarán en Pediatría; dous en Saúde Mental; catro en Obstetricia -Xinecoloxía e seis en Familia e Medicina Comunitaria
En canto aos 55 médicos, pódese destacar que 13 realizarán Medicina Familiar e Comunitaria; e o resto, diferentes especialidades clínicas.
O período de formación dos residentes é variable, podendo ser de dous, tres, catro ou cinco anos dependendo da especialidade. Neste tempo desenvolven nos hospitais un programa docente que comprende a asunción tutelada e progresiva de responsabilidade na asistencia ós pacientes, ademais dun completo programa teórico que prevé a participación en diversas actividades científicas como seminarios, sesión ou cursos.