O comité de empresa de Vitrasa trasladou este venres á porta da empresa as mobilizacións que está a desenvolver para rexeitar as “sancións arbitrarias que se lle aplican a algúns condutores que sofren accidentes de circulación”.
Os representantes dos traballadores decidiron desenvolver unha concentración diante das instalacións da estrada de Camposancos despois de que a xuntanza coa dirección rematase sen acordo.
As partes non lograron desbloquear o conflito na reunión celebrada onte porque “a empresa négase a quitarlle a consideración de moi graves” a este tipo expedientes, o que pode supoñer o despedimento se se xunta con outra sanción leve. “Escúsanse en que xa reduciron a duración das sancións, pero nós o que queremos é eliminar a súa gravidade para non ter presións engadidas, xa que os incidentes de tráfico desgraciadamente forman parte do noso traballo diario”, explican dende a representación da CIG no comité.
Con anterioridade o comité de empresa de Vitrasa –formado por 4 representantes de CCOO, 3 da CIG, 3 UGT e 3 USO- xa desenvolvera unha concentración ás portas do Concello para rexeitar esta política de sancións que está a aplicar a empresa, xa que no último mes rexistráronse tres sancións moi graves, polo que o cadro de persoal síntese cada vez máis presionado.
“Ao estrés diario que padecemos temos que sumar agora esta cuestión, polo que nos atopamos cunha espada de Damocles enriba de nós”.