Comarcas

@depo_es aproba o convenio para a nova avenida que rodeará o núcleo urbano de Seixo, en Tomiño

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio dun dos proxectos máis ambiciosos do Plan de Actuacións 2017-1018 do departamento de Mobilidade provincial dirixido por Uxío Benítez: a construción dunha nova avenida que rodeará o núcleo urbano do Seixo en Tomiño, e que involucrará tanto á institución provincial como ao Concello de Tomiño e á Xunta de Galicia.

O obxecto do convenio, que se asinará nas vindeiras semanas, é a mellora da conexión entre a EP-3102 (Tomiño-Sabarís) e a estrada autonómica PO-344 mediante unha avenida que exercerá de variante ou rolda e que permitirá a mellora da mobilidade e integración urbanística do núcleo urbano. A intención é que, con esta vía de nova creación, o novo esquema de estradas permita derivar o tráfico que nestes momentos pasa polo núcleo da vila cara ao exterior, proporcionando unha mellora substancial da calidade urbana e da seguridade viaria, “aspectos que se consideran chaves”, segundo asegura o deputado Uxío Benítez, e de maneira que tamén complemente a futura actuación autonómica no VAC Tui – A Guarda.

Segundo Benítez, a estrada provincial EP-3102 Tomiño-Sabarís e a estrada autonómica PO-344 conflúen ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo (Concello de Tomiño), e a súa confluencia está a xerar un “grave problema de conxestión de tránsito de vehículos en Tomiño”, cunha intensidade media diaria de vehículos no núcleo de entre 5.000 e 10.000 coches.

Pola súa banda, o Concello de Tomiño ten desenvolvido varias actuacións de transformación do espazo público co fin de crear un núcleo urbano de preferencia peonil se ben, neste sentido para mellorar a seguridade viaria  considérase necesario calmar o tráfico tamén na estrada autonómica. Por outra banda, a Xunta de Galicia ten aprobado o proxecto de vía de alta capacidade Tui-A Guarda que contempla un acceso ao núcleo de Tomiño que, se ben mellora a comunicación do mesmo, non resolve os problemas de tráfico antes expostos, o que obriga a un deseño global e conxunto da trama viaria que contemple todas as necesidades.

Así, o convenio aprobado hoxe permitirá unha solución a tres bandas: que o enlace no Seixo da futura VAC Tui – A Guarda se efectúe a través da nova avenida executada pola Deputación, pero coa implicación do goberno autonómico no financiamento das expropiacións dos terreos necesarios e coa posterior recepción por parte do Concello dun treito de aproximadamente un quilómetro da antiga estrada autonómica.

En canto ao orzamento, a execución desta actuacións estímase en 3.545.623,60, que se repartirán en 2.351.163,26 euros investidos pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de contratos de servizo e expropiacións, a repartir en diferentes anualidades.

You may also like