O alcalde fixo este luns balance de xestión no ecuador do mandato e despois de tres eleccións nas que foi elixido como alcalde de Vigo, nun acto no que estivo acompañado de todo o o gobernó local.
Abel Caballero valorou a “estabilidade política” que, subliñou, é posible grazas a un proxecto “compartido, global e integrador” de cidade que foi posible logo dos nove orzamentos aprobados e dous máis correspondentes ao superávit, que serán tres coa aprobación, o próximo mes, dun novo correspondente ao excedente do pasado ano.
O alcalde contrapuxo o “apoio masivo” ao goberno que encabeza coa “paralización” da gran maioría das cidades derivada do resultado nas eleccións do 2015. “Só unha cidade seguíu con gran estabilidade política: Vigo”, aseverou.
Abel Caballero lembrou que Vigo preside a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e pertence ao Consello das Rexións de Europa, na figura do propio alcalde, e tamén por primeira vez a Deputación de Pontevedra está sendo dirixida por unha viguesa, a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva.
Na presentación do balance, arrancou repasando as 90 rúas que foron humanizadas nos últimos dous anos e que xa “forman parte das 820 que se remodelaron nos últimos anos en todas as parroquias e no casco urbano”. Entre as que están en marcha, referiuse a Gregorio Espino, Doutor Corbal, Rosalía de Castro ou Llorente, entre outras moitas.
Caballero quixo poner en valor a política social aplicada en Vigo, “a máis importante das cidades de España en función da poboación, con axudas ao pago de vivenda, de enerxía, de alimentación, ou coa apertura dun albergue en plena época de crise económica”.
Tamén enfatizou a “vocación política” pola educación pública, con 5.000 bolsas de comedor escolar, o programa “Vigo en Inglés”, as escolas infantís e a UNED de Vigo, con trece titulacións nun Mar de Vigo onde o goberno vigués vén de abrir unha gran biblioteca-sala de lectura con 450 postos.
Caballero cifrou en 30.000 empregos os creados nestes anos pola acción directa do Concello, ben cos plans de creación de postos de traballo, ben cos investimentos municipais, as “políticas keynesianas de obra pública”. O alcalde tamén referiuse á recuperación do aeroporto de Vigo, camiño do millón de viaxeiros anuais, e á designación de Vigo como o concello galego máis transparente.
Por úlimo, Abel Caballero, que leva xa 10 anos á fronte do goberno vigués, aludiu aos “grandes proxectos conseguidos ou en marcha”, como a remodelación do estadio de Balaídos, a nova depuradora, a rehabilitación da Panificadora, a humanización da Avenida de Madrid, a apertura da sede viguesa da UNED, a peonización da Porta do Sol ou a campaña Illas Cíes, Obxectivo Patrimonio da Humanidade.