O Festival de Títeres de Redondela voltará a encher o Multiusos da Xunqueira esta tarde de sesión dobre de monicreques (19 e 21 horas) para nenos de máis de 10 anos. E será da man, nunca mellor dito, da compañía italiana Girovago e Rondella, que traerán á vila o seu espectáculo ‘Mano Viva’. Unhas mentes privilexiadas que manexan as súas mans de xeito espectacular, ofrecendo durante 50 minutos uns cuadros animados producto da máis bela factura e que dan vida a uns seres con historias moito mellores que as de Disney.
Con música en direto, as chanzas sucédense con ritmo contando historias do máis variopintas nas que os dedos da man son capaces de facer malabarismo, acrobacias, ser home orquesta, comedor, equilibrista, lanzalume, resucitar tras pegarse na cabeza cunha farola, convertirse en globo e saír voando ou incluso bailar feliz ao ritmo de ‘Don’t worry, be happy’.
E chega o venres
Mañá o programa do festival amplía horizontes con novas actividades e unha obra como colofón. A xornada arrancará na rúa Meixón Frío cun obradoiro infantil de construción de títeres de 17 a 20 horas. Ás 18 horas, na Tenda da Candelaria entregaranse os premios do concurso de construción de monicreques. E para rematar a tarde, a compañía catalano-galega El retrete de Dorian Gray traerá ao Multiusos da Xunqueira ‘Rúa Aire’ para rapaces de máis de 5 anos.