Carmela Silva, acompañada pola presidenta da Asociación Arelas de Familias de menores trans, Cristina Palacios, e a fotógrafa e directora Noemí Chantada, presentou este luns a peza documental “Sorrisos Transformadores. Orgullo Trans”, unha película de 20 minutos que recolle as testemuñas e realidades das persoas que protagonizan a campaña de visibilización positiva e sensibilización de igual nome da Deputación de Pontevedra, posta en marcha pola institución provincial o pasado ano.
A película presentouse hoxe aos medios como mostra de apoio á Lei de Identidade de Xénero de Galicia que se debaterá mañá, martes 11 de xullo, no Parlamento autonómico.
Silva aproveitou este acto para amosar o rotundo apoio do goberno provincial a “esta importantísima demanda dos colectivos LGBTI de Galicia, unha demanda baseada no respecto ás persoas, á identidade sexual, a diversidade, á tolerancia e á liberdade nunha sociedade xusta, democrática e decente”. A presidenta da Deputación asegurou non poder comprender os argumentos para votar en contra dunha lei que defende “os dereitos fundamentais das persoas” recollidos pola Constitución nos seus artigos 9.2 e 14 e aos que polo tanto é unha obriga darlles cumprimento e fixo fincapé en que “non se pode lexislar con visións ideolóxicas”.
Segundo explicou Carmela Silva, nun principio editáronse 8 pezas curtas pensadas como soporte en vídeo á exposición fotográfica “Sorrisos Transformadores” e para axudar a divulgar a mensaxe en diferentes formatos, redes sociais, TV, exposicións , chegando así coa campaña ao maior número de persoas posible pero debido á “relevancia e interese” do material documentado decidiuse elaborar unha peza audiovisual de maior envergadura, 20 minutos de duración, no que se afonda sobre as diferentes realidades ás que se enfrontan as persoas trans na nosa sociedade e no que podemos coñecer de primeira man as testemuñas das e dos protagonistas da exposición Sorrisos Transformadores, Pablo, Hugo, Ivana, Miguel, Penélope, Carmen, Cristina, Jesús, Sara, Rio; todas elas persoas vinculadas ao colectivo trans, ben por pertencer a el, ou porque están relacionadas coa realidade trans pola súa profesión (educador/a, xurista, decana, política, psicóloga). O documental será difundido a través de todos os medios incluíndo festivais de cine co obxectivo de acadar ao maior número posible de persoas.
Carmela Silva informou de que dende a posta en marcha da campaña Sorrisos Transformadores preto dun milleiro de rapazas e rapaces de 13 centros escolares visitaron a mostra e participaron das charlas impartidas pola presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios, que acompañan á exposición cada vez que se presenta nun concello novo. Segundo indicou Carmela Silva a campaña, que “ten vida propia” está a ser un éxito que “incluso saíu das fronteiras da provincia” posto que outras institucións e concellos a solicitaron tamén. De feito a exposición fotográfica puido visitarse na Facultade de Ciencias de Educación de Santiago de Compostela, actualmente está no concello de Sarria e ten previsto visitar máis concellos coruñeses.
Ata a data a exposición fotográfica xa visitou 12 concellos da provincia (Rodeiro, Pontecesures, Redondela, Caldas de Reis, Soutomaior, Lalín, Silleda, O Grove, Agolada, Meis, Barro e As Neves). Outros 17 concellos xa están pechados ata xuño de 2018 (A Guarda, Porriño, A Lama, Moaña, Pazos De Borbén, Mondariz, Ribadumia, Baiona, Cangas, O Rosal, Marín, Gondomar, Vilagarcía De Arousa, Ponte Caldelas e Tui).