Máis de 5.000 persoas optarán hoxe a algunhas das preto de 100 prazas en distintas categorías de persoal de administración e servizos para entrar a traballar na Universidade de Vigo. Será mediante un concurso-oposición cunha tanda de exames que arrancou hoxe na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa proba para a categoría técnico especialista de tecnoloxía da información e comunicación.
O proceso selectivo durará varios meses. Os vindeiros exames serán os días 24 e 25 de xullo: o primeiro para a categoría de técnico especialista en laboratorio de física, na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e o segundo para xestor de actividades culturais, tamén no campus ourensán.
O 5 de xuño será o turno dos auxiliares técnicos de servizos xerais e as de técnico especialista de biblioteca, na que os aspirantes terán que desprazarse ata o campus vigués. Un pouco máis de tempo para preparar os exames terán os da categorías de letrado e técnico especialista de servizos, que terán o seu exame antes de agosto, e a de auxiliar administrativo e axudante de biblioteca, arquivos e museos, que deberá estar convocado para antes do 1 de setembro.