Naceu coa ilusión de por un graniño de area no complexo mundo da poesía, no que ademais dos libros existes os poetas, os comportamentos poéticos, a vida como un xeito de facer arte. Por iso, ‘Poéticas para unha vida’ reúne nesta edición 14 propostas de poesía viva, oral, de acción, sonora, teatral… Diferentes xeitos de abordar o feito poético. E esta tarde tócalle o turno a Avelino Saavedra e a Antón Lopo, que amosarán de que son capaces ás 20 e 21 horas no Verbum de Samil.
Avelino Saavedra é un artista plástico, un performer, un músico e, ante todo, aviofóbico. Desde o ano 200 practica a arte de acción, mostrando o seu traballo en encontros e festivais de toda España. É capaz de cousas tan atípicas como o ‘Estudio de anatomía’, unha idea do poema como un ente orgánico animal, susceptible de ser diseccionado e analizado, un exercicio de práctica forense entre a poesía sonora, o videopoema, a música improvisada e a acción poética.
Pola súa banda, Antón Lopo desenvolve unha traxectoria interdisciplinar que abrangue a poesía, a narrativa ou a performance. Autor do poemario oral ‘Prestidixitador’, co que percorreu media Europa, ou da peza teatral ‘Os homes só conta ate tres’, que lle valeu o Premio Álvaro Cunqueiro, Lopo traballou durante dous anos nun lameiro da Ulloa para o seu proxecto ‘Dentro’.