A xornada de folga convocada na planta de PSA Citroën en Vigo para rexeitar o incremento dos ritmos de traballo “provocou que a cadea de produción se iniciase con atraso e que non estea a funcionar con normalidade”, segundo indica a CIG.
CIG, CUT e CCOO cualifican a xornada de “moi positiva” a pesar dos “intentos da dirección por boicotear o paro traendo persoal doutras quendas e doutros departamentos, facendo que traballadores da quenda de noite prolongasen a súa xornada e chegando incluso a poñer a monitores na liña de producción”.
As centrais convocantes indican que o impacto da folga afectou a cadea de produción, que arrrincou tempo despois das 6.00 horas -cando se inicia a quenda de traballo dos sábados- “e funciona de xeito anómalo”.
Os sindicatos denuncian presións exercidas pola dirección durante a semana mediante escritos e intentando que os traballadores comunicasen se ían exercer ou seu dereito a secundar o paro. Todas estas cuestións foron constatadas polo comité de folga, que xa deu traslado do que está a acontecer á Inspección de Traballo. Está previsto que a autoridade laboral se desprace até a factoría ao longo da mañá para manter unha xuntanza cos representantes sindicais para abordar estas cuestións.
“O éxito da folga facíase tamén visíbel ás portas das propias instalacións de Citroën, onde un numeroso piquete informativo desenvolveu sen incidentes o seu labor dende as 4.00 horas. O máis numeroso concentrouse na entrada principal baixo un importante despregue policial, aínda que houbo presenza de piquetes en todos os accesos á empresa”.
Dende a sección sindical da CIG sinalaron que a campaña de mobilización iniciada en Citroën para reclamar unha solución aos problemas derivados do incremento dos ritmos de traballo “é xa unha loita pola dignidade dos traballadores; non podemos permitir que se cometan máis abusos contra as nosos dereitos laborais e que se nos falte ao respecto constantemente”.
Critican que a dirección non queira sentarse coa representación do cadro de persoal para abordar unha situación que está a provocar un aumento dos problemas de saúde laboral e de enfermidades profesionais na empresa. “Será unha compañía 4.0 a nivel tecnolóxico, pero coa súa actitude está levando as relacións laborais de volta aos anos 80, con piquetes masivos na porta e cos antidisturbios custodiando a entrada dos empregados”.