Comarcas

@depo_es asina un convenio co @ConcelloCatoira para impulsar a Romaría Viquinga

A presidenta da Deputación asinou este xoves, xunto ao alcalde de Catoira, Alberto García, e aos deputados provinciais, Santos Héctor Rodríguez e Xosé Leal, un convenio para impulsar a Romaría Viquinga, festa declarada de Interese Turístico Internacional no 2002.

O convenio, por valor de 8.000€, ten por obxectivo sufragar gastos derivados da organización da festa, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto en Catoira, e difundir o papel desempeñado polo concello na historia.

Carmela Silva subliñou que “a Deputación de Pontevedra está a achegar a esta festa 8.000 euros, ao igual que estamos a facer con todas as festas que teñen sido declaradas de interese turístico internacional”. No caso concreto da Romaría Viquinga, Silva manifestou que se trata “dunha das festas máis importantes das Rías Baixas, na que participaron o ano pasado máis de 50.000 persoas que poñen de manifesto que Catoira, sendo un concello pequeno é un concello internacional con capacidade para establecer relacións con países de Europa con tradición viquinga”. Os 8.000€ obxecto do convenio supoñen que a institución provincial financiará máis da metade, o 55,6%, do orzamento total desta actividade.

Silva salientou tamén “o pulo que ten a nosa provincia e os nosos concellos que, con escasos recursos, están a promover ideas innovadoras que nos sitúan como referencia en todo o mundo e, desde logo, esta Romaría ten todos os ingredientes para facer que a nosa provincia se consolide polas súas grandes ideas, pola creatividade, pola capacidade para situarse internacionalmente”.

A Deputación de Pontevedra tamén está a apoiar á Romaría Viquinga desde o servizo de Cultura. Así, o deputado provincial, Xosé Leal, destacou que “dentro da liña que estamos levando a cabo neste Ano do Patrimonio, entendemos que as festas históricas son unha defensa moi importante do patrimonio vivo dos concellos da provincia e, por este motivo e tras falar co alcalde de Catoira, decidimos enviar unha obra de teatro profesional (“A louca historia de Galicia” de Fulano, Mengano e Citano) para fomentar e apoiar o certame propio de teatro que se desenvolve no concello”.

Pola súa banda, o alcalde de Catoira, Alberto García, agradeceu o apoio prestado pola Deputación de Pontevedra e adiantou parte da programación preparada con motivo da Romaría Viquinga. Así, García destacou que cinco días antes da festa desenvólvense actividades culturais entre as que destaca a mostra de teatro afeccionado, onde máis de 1.000 persoas se dan cita para ver diferentes obras teatrais, ou o premio de teatro do que sae a obra que cada ano representan preto de 200 veciñas e veciños de Catoira. Amais, a festa inclúe tamén unha cena medieval, na que participan máis de 1.000 persoas o sábado anterior ao desembarco viquingo, e tamén ese mesmo día, un espectáculo de fogo e luces denominado “A Noite de Luz”, que congrega a preto de 7.000 persoas, e un concerto de rock na Praia.

También te puede interesar