A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de formalizar o contrato para a execución das obras do treito III da autovía do Morrazo, concretamente, entre o enlace de Meira e o de Cangas, ao seu paso polo Concello de Moaña.
Esta actuación contará cun orzamento de máis de 18,2 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses.
A Xunta prevé comezar este mes os traballos, polo que deste xeito, a totalidade das obras de construción da autovía do Morrazo estarán en execución en 2017.
O treito ten unha lonxitude de 3,87 quilómetros, desde o enlace de Meira, no Pq. 7+300 do actual corredor, ata o 11+150 do mesmo, no primeiro enlace de Cangas (conexión coa VG-4.5). Neste enlace, ademais, completarase en sentido Alto da Portela a rehabilitación do firme no treito non afectado polo desdobramento, polo que a lonxitude total do tramo de actuación será de 4,16 km.
Ademais do desdobramento do tronco, estas obras suporán a remodelación parcial dos enlaces de Meira, no que se inicia a obra, e Moaña (coa PO-313, no PK 9+570);a duplicación do viaduto da Fraga, de 330 metros; a ampliación de dous pasos superiores e cinco pasos inferiores existentes; e a reposición dunha pasarela peonil metálica (PK 8+980, á altura de Broullón).
O trazado recolle, entre outros, axustes de deseño en planta e en alzado para minimizar os movementos de terras, compensando no posible o volume de desmonte co de terraplén. Con este obxectivo, neste treito, mantense a solución de alternancia do desdobramento pola marxe dereita e pola esquerda, buscando o maior aproveitamento posible da calzada existente. Desde xeito, acádase unha solución optimizada, máis equilibrada e de menor impacto, xa que consegue un mellor reaproveitamento dos materiais existentes e un menor impacto visual, todo elo mantendo a máxima funcionalidade.
A autovía do Morrazo é a infraestrutura viaria con maior dotación orzamentaria da Xunta en 2017 –uns 22 millóns de euros- e supón un investimento total de 55 millóns de euros nunha vía pola que circulan 15.000 vehículos cada día, unha cifra que chega ata os 20.000 moitos días de verán.