O alcalde ven de presentar en rolda de prensa o programa da ‘Noite Branca’, unha iniciativa promovida pola Concellería de Cultura que se desenvolverá o venres 11 de agosto. A mesma,posta en marcha hai xa 5 anos, ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade á vez que desenvolve unha manchea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Pazo-Museo “Quiñones de León”, Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca “Francisco Fernández del Riego”, Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo e Museo Liste-Etnográfico de Vigo); todo nun horario amplo, procurando maiores atractivos para os veciños e para as persoas que visitan a cidade nestas datas.
Ao igual que no ano anterior, súmanse a esta iniciativa os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano (Toralla), dependentes da Concellería de Patrimonio Histórico, a “Sede Afundación Vigo” -a través do centro Naturnova- e o Museo do Mar de Galicia.
Nesta quinta edición vólvese a realizar unha oferta extensiva e diversificada, que obriga á escolla, nunha noite de verán chea de vitalidade e xentes nas rúas e espazos. En total serán 37 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións… máis a novidade do “Verbum creativo” ou a demostración de traballo en vidro; 12 puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e 10 exposicións temporais; e un total de 10 concertos, de artistas e formacións locais. Como é habitual, inaugurarase unha exposición temporal na Casa das Artes ás 8 da tarde baixo o título “Forever young”.
Todos os centros da Rede de Museos Municipal ampliarán o seu horario normal de funcionamento ata as 2 da madrugada do sábado co obxecto de potenciar, tanto nos equipamentos do centro da cidade como da periferia, o desenvolvemento de actividades para todo tipo de públicos relacionadas coas coleccións e as exposicións.