Se non tes planes, Redondela ofréceche unha xornada ateigada de cousas que facer e de espectáculos que ver. Para os máis madrugadores o Festival de Títeres de Redondela dispuxo actividades para que poidan saír á rúa pola mañá: ás 12 horas a Praza do Concello acolle a actuación da Cé Orquestra Pantasma e, tras ela, ás 13 horas, a compañía Marionetas en libertad presenta ‘Chapeau loco’.
Coa choiva ben lonxe, e non como o ano pasado, pola tarde as rúas estarán cheas de monicreques que de balde entreterán a todos os asistentes. A primeira sesión será musical a partir das 16:30 horas nos xardíns da Alameda, coa The Turre’s Band. Ás 17 horas chega a quenda dos títeres na Praza Reveriano Soutullo con Rodorín e o ‘Retablillo de títeres y cuentos’.
Ás 17:30 horas Plansjet Poppentheater chega á Praza do Concello con ‘A danza das marionetas’; Os Croquetas comezarán ás 17:45 horas un percorrido por varias rúas da vila e ás 18 horas Compagnie Jatoba e o seu ‘Mamulengo Jatoba’ estarán na Praza da Alfóndiga e na Pista da Xunqueira ‘Colors de monstre’ estará en mans de Toms Creatius ata as 21:30 horas.
Ás 19 horas terás que dividirte para poder asistir a todo: o ‘Gran Circo de Liliput’ de Marionetas en Libertad estará nos xardíns da Alameda; o ‘Retablillo de títeres y cuentos’ de Rodorín voltará ao escenario na Praza Reveriano Soutullo; e Os Croquetas tomarán a Pista da Xunqueira.
Para os que se perderon parte do programa, ás 19:30 horas Plansjet Poppentheater repetirá coa súa ‘A danza das marionetas’ na Praza do Concello e The Turre’s Band tocará na Casa da Torre. Media hora máis tarde estreo de ‘Drago’, de La Baldufa, en Alfonso XII-Ribeira e bis de Marionetas en Libertad e o ‘Gran Circo de Liliput’ nos xardíns da Alameda e de Compagne Jatoba e ‘Mamulengo Jatoba’ na Praza da Alfóndiga.
Se aínda queres máis, Girovago e Rondella levan o seu ‘Circo poético’ á Praza Casa da Torre ás 20:30 horas. Ás 21 horas ‘A danza das marionetas’ volve a facer o seu espectáculo co Plansjet Poppentheater na Praza do Concello e ás 22 horas Os Croquetas porán o fin de festa á xornada no Paseo da Xunqueira.
Monicreques a cuberto
A pesares de todos os espectáculos de balde que haberá polas rúas, o Multiusos da Xunqueira acollerá tamén hoxe dúas sesións de títeres e monicreques. Ás 17 horas a compañía catalana Taaat tirará dos fíos de ‘Mal de closca (Me duele el caparazón)’ feito para os máis pequenos da casa pero sen esquecer que normalmente van collidos da man dun adulto. Nel a tartaruga Juan dóelle a cuncha e non hai nada que consiga aliviarlle a dor pero ir ao médico dalle medo… Un espectáculo co que revivir con ternura os temores infantís arredor da medicina xogando co poder expresivo dos obxectos.
E, ás 21 horas, subirase ao escenario a francesa Pelele Marionnettes con ‘Les funestes épousailles de Don Cristóbal‘ no que o misántropo, un vello amigo de Redondela, vive feliz rodeado da súa fortuna pero enfeitizado por unha misteriosa muller.