A presidenta da Deputación de Pontevedra visitou este venres, acompañada da deputada de Xuventude Digna Rivas, e do alcalde de O Grove, José Cacabelos, o campamento de DepoAventura de A Lanzada para comunicar o fallo do concurso para a elección da mascota para o próximo ano.
Ante os 200 nenos e nenas da quenda do campamento, que participaban nese momento nunha representación teatral cos monitores onde simulaban unha audiencia real, Carmela Silva subliñou que “como dirían en Hollywood ….. the winner is….. Luigis Car”. Trátase da representación dun coche de fórmula un feito con materiais de refugallo -cartón, botellas de plástico e madeira-.
Silva amosouse moi satisfeita polo traballo desenvolvido en todas as quendas do campamento de A Lanzada, xa que cada unha delas fixo e elixiu unha mascota para representalas no concurso final, e animou a todos “os nenos e nenas” a apuntarse o próximo ano “sempre e cando o pasarades ben”, ao que os rapaces contestaron cun enorme grito de “si”.
A presidenta da Deputación salientou que ‘DepoAventura A Lanzada’ contou este ano con 2.200 prazas, que se cubriron ao cen por cen “pero o interese que ten esta actividade o demostra que tivemos máis de catro mil peticións, a pesarse de que aumentamos o número de prazas dispoñibles en oitocentas sobre o ano 2016”. As prazas contan cunha subvención do 50% do seu coste e as familias numerosas achégase ao 60%. Ademais o campamento conta con trescentas prazas adicadas a rapaces procedentes con familias en situación ou risco de exclusión social.
Silva subliñou que, ademáis, este ano participaron nas distintas quendas 45 nenos e nenas con diversidades funcional “que cando foi necesario, contaron con monitores e monitoras específicos para garantir a súa plena integración de xeito que podan gozar desta actividade en igualdade de condicións”. E puxo como exemplo que hoxe mesmo, na representación teatral, existía unha monitoria de lingua de signos.
A presidenta destacou que nas quendas participaron nenos e nenas de 59 concellos da provincia de Pontevedra “todos menos Agolada e Covelo”. Ademais, Silva, salientou que neste ano, por primeira vez, se incluíron actividades en inglés. Tamén destacou que realizáronse actividades de concienciación sobre a xordo-cegueira organizadas pola asociación XOGA, “para sensibilizar aos nenos e nenas sobre as dificultades que se enfrontan estas persoas”.
Pola súa parte, o alcalde de O Grove, José Cacabelos tamén desexou a todos os nenos e nenas que o pasarán ben nestes días na vila meca e considerou que o campamento de A Lanzada é unha aposta da Deputación por manter a vila como un referente dun turismo distinto e respectuoso co medio ambiente e o entorno natural.